O programa está promovido por cinco entidades de iniciativa social que teñen obxectivos comúns e complementarios nas áreas de intervención socioeducativa con nenas, nenos e adolescentes en situación de desprotección: Fundación Aldaba, Faiben Fundación de Apoio á Infancia e ao Benestar, Manaia Asociación Galega de Adopción e Acollemento, Inspectoría María Auxiliadora e Asociación Casa de Familia Santa Joaquina de Vedruna.
As catro primeiras dispoñen de centros residenciais nos que son atendidos en réxime de acollemento residencial e/ou de atención de día, nenas, nenos e adolescentes con medida de protección. Todas contan cunha ampla traxectoria no ámbito da protección, con profesionais de recoñecida experiencia.
A Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia leva xa 17 anos traballando en adopción, e os últimos 4 tamén en acollemento, ofrecendo ás familias de Galicia espazos de atención, información e formación. Con 116 familias socias é a asociación máis numerosa e activa de todo o territorio galego.