Saber máis sobre acollemento familiar

Que é o acollemento familiar e en que se diferencia da adopción?

Que familia pode ser acolledora?
Vontade de acoller
- Dispoñer de estabilidade emocional, familiar e afectiva.
- Ter estabilidade económica e unha vivenda axeitada.
- Dispoñer de capacidade para cubrir as necesidades físicas, psicolóxicas, afectivas e sociais das nenas e nenos.
- Manter colaboración con todas as partes implicadas no acollemento.
- Non estar nas listas de adopción nin ter finalidade adoptiva.
O interese superior das nenas e nenos

Con que apoios contan as familias acolledoras?
Apoio Técnico
Compensación Económica
Gastos extraordinarios
Outros Beneficios
Prestación por nacemento e coidado de menor
O acollemento familiar de nenas e nenos como medida de protección, da dereito a percibir a prestación de nacemento e coidado de menor da Seguridade Social (artigos 48.5 e 45.1d) Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores), ampliado por Real Decreto-lei 9/2025, de 29 de xullo (consultar resumo).
Asignación económica por fillo ou persoa menor de idade a cargo
O acollemento familiar permanente da dereito para percibir esta prestación familiar non contributiva da Seguridade Social, sempre que se cumpran os demais requisitos. Terán dereito á asignación económica por fillo ou menor a cargo as familias sempre que teñan ao seu cargo nenos ou nenas en réxime de acollemento familiar permanente ou garda co fin de adopción, que sexan menores de 18 anos e teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, e sempre que non teñan dereito a prestacións desta mesma natureza en calquera outro réxime público de protección social. Non se esixe límite de ingresos para o recoñecemento da condición de beneficiario por tratarse de persoas con discapacidade. A antiga asignación económica por fillo a cargo sen esixencia de discapacidade quedou extinguida para novas solicitudes a partir do 1 de xuño de 2020. Foi substituída polo Complemento de Axuda para a Infancia (CAPI), xestionado dentro do marco do Ingreso Mínimo Vital (IMV).
Complemento de Axuda para a Infancia (CAPI)
O Complemento de Axuda para a Infancia foi unha das melloras introducidas na Lei do Ingreso Mínimo Vital (IMV), que entrou en vigor o 1 de febreiro de 2022 como un instrumento crave de apoio á infancia. Forma parte do Ingreso Mínimo Vital (IMV) aínda que tamén se pode conceder de forma independente. Poden ter dereito ao Complemento de Axuda para a Infancia as familias acolledoras que teñan ao seu cargo nenos ou nenas en réxime de acollemento familiar permanente ou garda co fin de adopción que cumpran os requisitos necesarios para a concesión do ingreso mínimo vital, excepto os establecidos respecto dos límites máximos sobre ingresos computables, patrimonio neto e test de activos, que son diferentes. Os requisitos básicos que se deben cumprir para ter dereito ao Ingreso Mínimo Vital son, basicamente, ter residencia legal e efectiva en España de forma continuada durante o último ano, salvo excepcións; que a unidade de convivencia estea formada, polo menos, desde hai seis meses e atoparse en situación de vulnerabilidade económica (o cal se acredita tendo en consideración o patrimonio neto, os activos non societarios e o nivel de ingresos e rendas).
Tarxeta Benvida
A Tarxeta Benvida da Xunta de Galicia é unha axuda económica para as familias que forma parte de o Programa de Apoio á Natalidade, cuxa finalidade é axudar ás familias na crianza e coidado dos fillos con diferentes medidas de apoio, sempre que acollan con carácter permanente ou asuman a custodia con fins adoptivos dun ou máis nenos de ata 3 anos. De xeito xeral conta con un importe de 1.200 € para adquirir calquera produto exclusivamente para nenos: leite e outros alimentos infantís, cueiros, roupa, baberos, artigos de paseo e de viaxe (como poden ser carriños, cadeiras de paseo ou de coche), libros infantís, produtos de hixiene infantil ou farmacéuticos. A contía é maior nalgúns casos específicos, como ter o terceiro fillo ou vivir nun municipio de menos de 5.000 habitantes. É necesario ter residencia habitual en Galicia, con límites por renda da unidade familiar.
Bono concilia
O Bono Concilia Familia é unha axuda económica directa que contribúe a financiar servizos de conciliación contratados polas familias durante as vacacións escolares ou ante necesidades puntuais. Poden solicitalo as familias que residan en Galicia e teñan ao seu cargo nenos ou nenas en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos de entre 4 e 13 anos, sempre que as persoas acolledoras traballen no período solicitado. Cobre a contratación dunha persoa coidadora a domicilio, campamentos -salvo os organizados por administracións públicas-, ludotecas ou outros servizos autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade. A axuda cobre ata o 75% do servizo; pero amplíase ata o 100% para as familias de especial consideración (numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda con fins adoptivos, con fillos/as con discapacidade superior ao 33% ou vítimas de violencia de xénero).
Mínimo por descendentes
A lei do IRPF (Lei 35/2006), no seu artigo 58 establece textualmente que “se asimilarán aos descendentes aquelas persoas vinculadas ao contribuínte por razón de tutela e acollemento, nos termos previstos na lexislación civil aplicable”.
Deducións estatais no IRPF
Por maternidade. As familias acolledoras que estean dadas de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade ou perciban algunha prestación contributiva ou asistencial do sistema de protección de desemprego teñen dereito a esta dedución polos nenos e nenas en acollemento, permanente ou preadoptivo, ou de delegación de garda para a convivencia pre adoptiva. A dedución practicarase, con independencia da idade do menor, durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare. O importe máximo é de 1.200 € anuais por cada neno ou nena, mediante unha dedución da cota diferencial do IRPF ou ben solicitando o abono anticipado co modelo 140. Por familia numerosa. O importe máximo desta dedución é de 1.200 € anuais (100 € ao mes) cun incremento do 100% para familias numerosas de categoría especial. Se co menor acollido se alcanzase a categoría de familia numerosa, aplicarase unha dedución adicional de 1.200 € anuais (2.400 € se é categoría especial).
Deducións na cota íntegra autonómica do IRPF, en Galicia.
Dedución por acollemento. Por cada neno ou nena en réxime de acollemento familiar simple, permanente, provisional ou preadoptivo, administrativo ou xudicial, as familias poderanse deducir da cota íntegra autonómica 300€. Dedución por familia numerosa. As familias acolledoras poderanse deducir, en caso de familias de ata dous fillos/as, 250 euros, e se son de categoría especial, 400 euros. No resto dos casos, a dedución incrementarase en 250 euros adicionais por cada neno ou nena e se os contribuíntes ou algunha das persoas que dean dereito a aplicar esta dedución teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%, as deducións anteriores duplicaranse. Dedución por coidado de fillos menores. As familias que por motivos de traballo teñan que deixar aos seus fillos menores ao coidado dunha persoa empregada do fogar ou en escolas infantís de 0-3 anos poderán deducir o 30 % das cantidades satisfeitas no período, co límite máximo de 400 euros, e 600 euros se teñen dous ou máis fillos, sempre que cumpran cos requisitos establecidos. Dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar. Permite deducirse o 15% de as cantidades satisfeitas para a adquisición de libros de texto ou material escolar para Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, cun límite máximo por neno ou nenas de 105 € e determinadas condicións.
Recoñecemento de familia de especial consideración
Co obxecto de dotar ás familias acolledoras dunha protección especial, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, dáselles o carácter de “familias de especial consideración”, que outorga ás familias acolledoras (temporais ou permanentes) un trato preferente en determinados ámbitos (vivenda, educación, transporte, etc.) en función da normativa específica de cada un destes sectores.
Familia numerosa
As nenas, nenos ou adolescentes en acollemento con duración prevista superior ao ano teñen a consideración de fillos, para os efectos da obtención da condición de familia numerosa, segundo recolle a Lei de Protección ás Familias Numerosas (Lei 40/2003), no seu art. 2.4, que di que “Terán a mesma consideración que os fillos as persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído”.
Prioridade no acceso a unha escola infantil
Teñen prioridade no acceso ás prazas cando se trata de matrícula ordinaria e tamén cando o acollemento realízase con posterioridade ao peche do prazo de solicitude.
Residencias de Tempo Libre
Ao ser familias de especial consideración, teñen prioridade para a adxudicación de prazas nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia (en Panxón e O Carballiño) e gozan dun desconto do 30% sobre o prezo final da estancia.
Axudas para libros de texto
Os nenos, nenas ou adolescentes que se atopen en acollemento familiar, entre outros grupos, reciben a axuda máxima para a adquisición de libros correspondente ao ensino obrigatorio e curso no que estean matriculados, con independencia do nivel de renda da familia acolledora.
Comedor escolar
Os nenos, nenas ou adolescentes en acollemento familiar son usuarios gratuítos dos comedores escolares dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, mentres cursen o ensino básico e o primeiro e segundo ciclo de educación infantil.
Campamentos de verán da Xunta
As familias de acollida teñen un desconto do 25% na cota de participación, aplicable tanto ás nenas e menos acollidos como aos demais membros da familia.

Referencias legais
- Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989.
- Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de Protección Xurídica do Menor.
- Real Decreto do 24 de xullo de 1889, do Código Civil. En especial, o artigo 172 ter.3, que recolle a delegación de garda para estancias, saídas de fin de semana ou vacacións.
- Lei 2/2006, de 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.
- Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia.
- Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.
- Circular de acollemento familiar, Nº: 1/2023, Instrucións para unificar e homoxeneizar criterios nos acollementos familiares en familia extensa e allea, da Dirección Xeral de Familia, infancia e dinamización demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

