Algunhas nenas, nenos e adolescentes non poden, por diferentes motivos, vivir coas súas familias.
Moitas delas residen temporalmente en centros de protección. Sen embargo, cando as estancias se alongan no tempo, os centros non son o lugar máis apropiado no que crecer.
En Galicia son aproximadamente 800 nenas e nenos e todas, para desenvolverse en plenitude, necesitan crecer nunha familia que as faga sentirse queridas, respectadas e protexidas.
podo colaborar?
O noso obxectivo é informar do problema ao público (en xeral) para así chegar ás familias adecuadas. Calquera persoa, independentemente da súa formación ou ocupación, podería chegar a ser familia de acollida.
As políticas de protección da infancia son responsabilidade das administracións públicas implicadas… pero, se o desexamos, todas e todos temos algo que aportar para que máis nenas e nenos poidan desenvolverse nun ambiente familiar. Axúdasnos a facelo realidade?
como?
Toda colaboración na difusión é benvida pero, como exemplo, a continuación propoñemos algunhas posibilidades.
A nivel particular:
- podes seguirnos en redes compartir as nosas noticias
- ou axudarnos a encontrar espazos nos que colocar carteis físicos (espazos como escaparates de empresas e entidades que queiran colaborar, salas de espera…)
E se tes una empresa, do tamaño que sexa, ou formas parte dalgún tipo de entidade, asociación, federación, etc.:
- a primeira idea sería celebrar connosco o Día Mundial da Infancia (o 20 de novembro) asinando unha declaración institucional de apoio (que podes descargar abaixo) e publicar a noticia.
- podes facer difusión propia entre os teus contactos directamente a través dun mailing, colocando un banner ou unha nova na vosa web, a través do boletín informativo interno, etc.
- ou podes organizar con nós unha sesión informativa para o voso público
en que consiste o programa?
En Familia é un programa de acollemento familiar para nenas, nenos e adolescentes que, vivindo en recursos de protección, non dispoñen de alternativas familiares estables.
O obxectivo do programa é integralas nunha familia estable e protectora, que evite ou poña fin a longas estancias nos centros residenciais desde os que, con demasiada frecuencia, retornan á súa familia de orixe nas mesmas condicións de desprotección.
En familia ocúpase, de xeito especial, daquelas nenas e nenos que levan máis tempo residindo nos centros. Habitualmente teñen máis de 7 anos e moitas delas están chegando ou xa entraron na adolescencia, o que redunda na dificultade de atopar alternativas para a súa saída. O programa forma, valora e acompaña ás familias interesadas en poñerse á disposición destas nenas, nenos e adolescentes para, a través dunha convivencia familiar progresiva e adaptada ás súas necesidades, favorecer o seu adecuado desenvolvemento e contribuír na reparación do seu dano.
quen somos?
En familia está impulsada por cinco entidades de iniciativa social: Fundación Aldaba (coordinadora do proxecto), Casa de Familia Santa Joaquina de Vedruna, Casa de Familia Laura Vicuña, Fundación Faiben e Manaia Asociación Galega de Adopción e Acollemento.
O programa forma parte da estratexia de desinstitucionalización e fomento do acollemento familiar da Consellería dePolítica Social e Xuventude da Xunta de Galicia e conta co seu apoio e financiamento a través dos fondos NextGeneration da Unión Europea.