
Este é un fogar… que repara
Un fogar que repara é un fogar acolledor. Un fogar no que as nenas e nenos atopen o seu lugar e acaden a seguridade necesaria para avanzar na reparación do seu dano.
As nenas, nenos e adolescentes que inician un acollemento familiar fano coa mochila cargada de experiencias. En moitos casos, atravesaron momentos moi difíciles nas súas vidas, marcados por coidados neglixentes, situacións de malos tratos ou mesmo abusos. Estas vivencias deixan pegadas profundas e, como consecuencia, é frecuente que teñan necesidades emocionais, psicolóxicas e sociais que non foron atendidas no seu momento. A familia acolledora ten a misión e a oportunidade de responder a esas necesidades, ofrecéndolles unha nova contorna de seguridade e protección.
Acoller non significa unicamente garantir un teito, cama e comida. Vai máis aló, pois as nenas e nenos teñen dereito a crecer nunha familia que conte coas ferramentas adecuadas para coidarlles de maneira integral, favorecendo o seu benestar e axudándolles a sandar feridas emocionais. Isto implica crear unha contorna segura e estruturada, con rutinas e límites coherentes que acheguen tranquilidade, e á vez un ambiente afectivo con vínculos estables e confiables, para desenvolverse sen medo nin rexeitamento.
Do mesmo xeito, as familias acolledoras tamén necesitan acompañamento técnico e profesional ao longo de todo o proceso, porque xurdirán dúbidas, retos e mesmo momentos de dificultade. Contar con apoio especializado permite ás familias sentirse apoiadas, comprender mellor as súas necesidades e atopar estratexias adecuadas para responder adecuadamente.
Outro aspecto fundamental é que, no acollemento, non se debe tentar borrar o pasado dos nenos e nenas. Aínda que agora estean nunha contorna segura, a súa historia de vida forma parte de quen é. Recoñecer de onde veñen, onde residiron e con quen compartiron a súa infancia axúdalles a construír unha identidade máis sólida e a dar sentido ás súas emocións. Negar ou silenciar esa parte da súa vida só xera máis confusión e dor. En cambio, acompañalos a integrar o seu pasado, con respecto e sen xuízos, achégalles unha maior sensación de control e prepáralles para afrontar mellor o seu presente e o seu futuro.
O acollemento familiar, en definitiva, é unha medida de protección que dá a oportunidade a nenas e nenos de crecer nunha contorna próxima e atenta que lles proporcione estabilidade, seguridade e relacións positivas para que se desenvolvan da mellor maneira posible.
Un fogar que repara é un fogar acolledor.
O programa de acollemento En familia busca fogares que permitan a nenas e nenos sentirse queridas, vistas e escoitadas.
Máis información sobre a campaña na web “Isto es un hogar”.
