
Este é un fogar… que protexe
Un fogar que protexe é un fogar acolledor. Un fogar no que, ás nenas e nenos, se lles dedique tempo de xogo, de risas, de bo trato, de estrutura e límites, onde poidan ser simplemente nenos.
As nenas, nenos e adolescentes que viven en recursos residenciais teñen cubertas as súas necesidades fundamentais, tales como alimentación, coidados básicos, educación e protección.
Pero para sentirse membro dunha familia necesítase algo máis que compartir unha vivenda. É un proceso que require tempo, dedicación e presenza. Para que o vínculo creza, as familias acolledoras deben establecer unha contorna segura e predicible, con rutinas claras e normas coherentes que transmitan estabilidade. Moitas destas nenas e nenos careceron na súa infancia de regras estables e dun ambiente estruturado, polo que a familia de acollida convértese nun espazo reparador onde aprender que os límites non son castigos, senón un modo de sentirse coidados, protexidos e valiosos para alguén máis.
Ao mesmo tempo, vivir en familia ofrece a oportunidade de xerar nas nenas e nenos acollidos un sentimento de identidade e pertenza. O vínculo afectivo vese fortalecido cando a familia móstrase próxima, dispoñible e empática. Escoitar con atención, validar as emocións e ofrecer comprensión failles sentirse queribles. Mesmo cando as súas reaccións parezan difíciles de entender, recoñecer o que senten é clave para que saiban que as súas experiencias son importantes. O día a día está cheo de oportunidades para construír esa conexión. Compartir xogos, ler xuntos, cociñar, practicar deporte, facer manualidades ou simplemente conversar ou facer as tarefas do día a día son experiencias que, aínda que parezan pequenas, transmiten proximidade e reforzan a relación. Máis aló das actividades en si, o que verdadeiramente importa é o tempo de calidade, que sintan que hai un interese xenuíno nelas e eles.
En calquera caso, non hai que esquecer que as familias de acollida son modelos de referencia. Os nenos e nenas observan e aprenden máis do que ven que do que se lles di. Se os adultos xestionan os conflitos con calma e respecto, é máis probable que eles tamén aprendan a facelo. A coherencia entre o que se pide e o que se mostra é esencial para construír relacións baseadas na confianza.
En definitiva, o acollemento familiar cobre necesidades fundamentais, pero tamén ofrece ás nenas, nenos e adolescentes un lugar onde sentirse seguras, comprendidas e queridas. Un fogar que lles protexe e ao que pertencer.
O programa de acollemento En familia busca fogares que permitan ás nenas e nenos sentirse queridas, vistas e escoitadas.
Máis información sobre a campaña na web “Isto é un fogar”.
