
Este é un fogar… que coida
Un fogar que coida é un fogar acolledor. Un fogar no que as nenas e nenos vexan satisfeitas as súas necesidades básicas de alimentación, vestido, hixiene e sono, pero tamén de recoñecemento e afecto.
O acollemento familiar é unha medida que busca ofrecer a nenas, nenos e adolescentes unha contorna no que poidan crecer coidadas e protexidas. Un fogar onde atopen seguridade, escoita e afecto, e no que sentan parte dunha rede que os sostén día a día.
Este fogar ten que ter como piares fundamentais tanto o coidado responsable e como o coidado afectivo. Ambos son igual de importantes e compleméntanse para darlles o que máis necesitan: unha contorna onde estean e sentan seguras.
O coidado responsable implica, dunha banda, cubrir as súas necesidades biolóxicas (alimento, bebida, descanso…) e, doutra, crear un ambiente estruturado e predicible. Cando isto ocorre, as nenas e nenos senten máis tranquilas porque saben que esperar. Os horarios estables, as rutinas claras e os límites coherentes axúdanlles a entender que hai orde e que alguén se preocupa polo seu benestar. Non se trata de impoñer normas autoritarias, senón de ofrecer regras claras e, sempre que se poida, dialogadas. Desta forma, aprenden que as normas non son un castigo, senón unha maneira de convivir mellor e de sentirse seguros no día a día.
Pero o coidado non pode quedar só na estrutura, necesita tamén ser afectivo. Os vínculos son a base de toda relación familiar e no acollemento familiar é fundamental que eses vínculos se constrúan con respecto e tenrura. Isto significa evitar berros, ameazas ou palabras daniñas, e substituílos por paciencia, escoita, diálogo e empatía. Deben sentir que, aínda que se equivoquen, o afecto que reciben non está en xogo e a relación non se vai romper. Esa seguridade é a que lles permitirá confiar e crecer con autoestima.
Ademais, é importante remarcar que o coidado afectivo exprésase nos xestos cotiáns como un abrazo ou un sorriso, pero tamén dedicando un intre de xogo compartido, lendo un conto antes de durmir ou preguntando sinceramente que tal foi o día. Non importa tanto a forma, senón que a nena, neno ou adolescente perciba que se lle dedica tempo de calidade e que as súas emocións e benestar importan á familia acolledora. Sentirse atendida e escoitada é o que marca a diferenza.
A rutina diaria, o modo en que se resolven os conflitos, a maneira de falar e de mirar ás nenas e nenos constrúen unha mensaxe clara: “formas parte desta familia e aquí estás segura”. Esa certeza é a que permite que recuperen a confianza e sentan valoradas.
En definitiva, para crear un fogar que coida, en acollemento familiar é necesario establecer unha contorna segura, predicible e onde as nenas e nenos se sintan queridas e atendidas.
