Isto é un fogar

Chega a nova campaña de sensibilización sobre Acollemento familiar do Programa En familia en Galicia

Campaña Isto é un fogar

A campaña “Isto é un fogar” busca captar a atención de posibles familias acolledoras, poñendo o foco nas nenas e nenos que residen actualmente en centros de protección e no seu dereito (e necesidade) de vivir e crecer en familia para acadar un desenvolvemento pleno.

O programa En familia traballa para nenas, nenos e adolescentes que, vivindo en recursos de protección, non dispoñen de alternativas familiares estables. Son nenas e nenos que, con frecuencia, desenvolven unha longa traxectoria vital dentro do sistema de protección, con excesivos períodos de tempo baixo medidas de coidado temporais. Nestes casos (cando non é posible a preservación nin a reagrupación familiar), o acollemento resulta a medida fundamental de protección para a infancia e a adolescencia.

É por iso que a campaña de acollemento familiar “Isto é un fogar ” trata de sensibilizar á sociedade para conseguir incorporar  novas familias acolledoras ao sistema de protección da infancia de Galicia.

A campaña pretende achegar á sociedade a realidade da infancia en desprotección e as súas necesidades, co obxectivo de favorecer que as nenas e nenos estean o menor tempo posible institucionalizados e poidan desfrutar de acollementos familiares con familias alleas que lles proporcionen os coidados, apoios e a protección necesarias, constituíndose en referencias estables no seu desenvolvemento.

As profesionais e os profesionais do programa En familia formarán e acompañarán en todo momento ás familias na construción dunha contorna protectora, cálida emocionalmente, na que se establezan relacións afectivas positivas que permitan reparar o dano sufrido por historias de neglixencia, malos tratos, abandonos e abusos. 

Scroll ao inicio