
A adopción e o acollemento familiar son dúas opcións para ofrecer un fogar a nenos, nenas e adolescentes que non poden vivir coa súa familia de orixe. Aínda que ambos os procesos buscan o seu benestar, presentan diferenzas fundamentais en canto á súa duración, implicacións legais e obxectivos. Comprender estas diferenzas é esencial para quen estea interesado en ofrecer un entorno seguro e estable a unha nena, neno ou adolescente. Neste artigo, analizamos as principais diferenzas entre adopción e acollemento familiar, proporcionando as claves para entender cada opción e tomar unha decisión informada.
Coñece a diferenza entre a adopción e o acollemento familiar
Ambos os procesos permiten que un neno, nena ou adolescente viva nun entorno seguro cando a súa familia de orixe non pode facerse cargo del. Porén, as diferenzas entre adopción e acollemento familiar radican na súa duración, implicacións legais e vínculo coa familia de orixe. A continuación, detallamos os aspectos clave que distinguen ambas figuras.
1. Duración do vínculo
A adopción é unha medida definitiva e permanente. Unha vez que o proceso legal conclúe, o neno, nena ou adolescente convértese en fillo do adoptante con todos os dereitos e deberes que iso implica. En cambio, o acollemento familiar é unha medida de duración determinada que pode durar desde uns meses ata varios anos (incluso ata a maioría de idade cando é permanente), dependendo da situación. En moitos casos, o acollemento busca unha futura reintegración do neno, nena ou adolescente á súa familia de orixe.
2. Patria potestade e/ou tutela
Na adopción, os pais adoptivos adquiren a patria potestade do neno, nena ou adolescente, o que implica a responsabilidade legal e a toma de decisións sobre a súa vida. En cambio, no acollemento familiar, a patria potestade suspendida segue pertencendo aos proxenitores e é a administración pública, en exercicio da tutela, a que supervisa o benestar do neno, nena ou adolescente e pode intervir en decisións importantes.
3. Identidade legal
Cando un neno, nena ou adolescente é adoptado, cambia legalmente a súa identidade. Adquire os apelidos da nova familia e os seus dereitos legais como fillo. No acollemento familiar, o neno, nena ou adolescente mantén a súa identidade legal orixinal, incluíndo os seus apelidos e vínculos xurídicos coa súa familia de orixe.
4. Relación coa familia de orixe
A adopción extingue legalmente a relación coa familia de orixe, salvo en casos especiais de adopción aberta. No acollemento familiar, a relación coa familia biolóxica de orixe pode manterse, dependendo das circunstancias. Con frecuencia establécense visitas ou comunicacións segundo as necesidades do neno, nena ou adolescente e a decisión das autoridades.

5. Revogabilidade
A adopción é irreversible. Unha vez adoptado, o neno, nena ou adolescente forma parte da súa nova familia de maneira definitiva. En cambio, o acollemento familiar é unha medida reversible que pode finalizar cando se considere necesario para a salvaguarda do interese da nena ou neno, ben co regreso á súa familia de orixe, ben con un cambio de medida de protección.
6. Responsabilidades legais e apoio
Na adopción, os pais asumen completamente a responsabilidade do neno, nena ou adolescente sen recibir apoio económico do Estado. No acollemento familiar, as familias reciben axuda económica e acompañamento profesional para garantir o benestar do neno, nena ou adolescente.
7. Proceso e trámites
O proceso de adopción é longo e complexo, xa que implica avaliacións psicolóxicas, formación e un procedemento xudicial. En cambio, o acollemento familiar ten un proceso máis rápido e flexible, xa que se busca unha solución inmediata para o benestar do neno, nena ou adolescente.
8. Obxectivo principal
A adopción ten como obxectivo proporcionar unha familia definitiva a un neno, nena ou adolescente que non pode regresar coa súa familia de orixe. O acollemento familiar, pola súa parte, busca ofrecer un entorno seguro e afectivo de maneira temporal ata que se determine a mellor solución a longo prazo.
Tanto a adopción como o acollemento familiar son medidas esenciais para protexer o benestar de nenos, nenas e adolescentes en situación de vulnerabilidade. Cada opción ten as súas propias características e está dirixida a diferentes necesidades. Neste sentido, o programa de acollemento En Familia facilita a integración de nenos, nenas e adolescentes en fogares onde reciben o coidado e afecto necesarios mentres se resolve a súa situación. Comprender a diferenza entre adopción e acollemento familiar é clave para tomar decisións informadas e contribuír ao benestar da infancia.